Esta última sesión foi
dedicada ao debate sobre tres cuestións que en ocasións presentan certa
controversia. Aínda que neste caso, en xeral, non houbo voces discrepantes,
senón máis ben comentarios con diversos matices. Estes tres temas son o uso da
lingua estranxeira de forma vehicular durante as clases, deberes si ou non e o
uso da tecnoloxía, especialmente do móbil, nas aulas.
É evidente que o uso
da lingua estranxeira constantemente nas aulas ten un beneficio innegable,
aínda que non me parece mal utilizar puntualmente como apoio a lingua materna,
especialmente para contrastar expresións ou estruturas similares para axudar
aos alumnos a facer un paralelismo. Foi moi interesante a observación de Doris
de que moitas veces é a incapacidade ou falta de pericia do profesor a que en
certo modo nos fai refuxiarnos na lingua primeira. Entoo un mea culpa pensando nas miñas primeiras
clases. De todos os xeitos, en moitas ocasións tiven que empezar de cero con
adultos e, francamente, é moi difícil manter o uso constante da lingua
estranxeira sen notar o sentimento de frustración nos alumnos.
Con respecto aos
deberes, aínda que estou a favor de que os nenos xoguen e non estean escravizados
todas as tardes cunha morea de exercicios, tamén me parece que un apoio na casa
é sempre necesario. É certo que é importante que os nenos o pasen ben nas clases,
pero non debemos esquecer que calquera proceso de aprendizaxe pasa por un
esforzo individual. É necesario un momento de soidade, de reflexión e de
práctica sobre o aprendido para que pouco a pouco vaia ocupando un espazo no
noso cerebro. Do mesmo xeito que un instrumento se aprende practicando, unha
lingua ou calquera outra materia requiren dunha parte memorística, para a que é
necesaria a repetición. Así que, a miña conclusión é: mesura. Hai tempo para
todo. E hai que ter en conta tamén que os nenos con dificultades teñen o seu
propio ritmo. Non creo que necesariamente todos os alumnos teñan que facer
exactamente as mesmas tarefas. Son partidaria de personalizar os deberes na
medida do posible.
Por último, o uso das
tecnoloxías, especialmente do móbil, foi o único tema que suscitou algunhas
dúbidas. En xeral, considero que a tecnoloxía pode ser unha aliada magnífica.
Se non podes co inimigo, únete a el. Hai pouco lin un artigo sobre un profesor de historia en Andalucía que usaba o Whatsapp para as súas clases, creando diversos
grupos que representaban unha etapa da historia ou un país, etc. Paréceme unha
forma moi intelixente de captar a atención dos alumnos. Iso sí, é importante
ter un control estrito sobre o uso dos móbiles na aula, porque é moi doado que
unha clase se desmande se non tes a suficiente autoridade.
En xeral, a miña
conclusión despois do debate é que é importante ter en conta todos os puntos de
vista, ser flexible e estar aberto ás suxestións dos demais. Todos podemos e
debemos aprender das experiencias dos demais. Os profesores somos precisamente
os que debemos estar aprendendo constantemente.